Sunday 05 de May de 2024

A Xunta instalará placas fotovoltaicas en 61 centros educativos que permitirán aforrar un 30% no consumo


— O Goberno galego licita estas instalacións de autoconsumo por máis de 1,7M€ co obxectivo de acadar escolas máis eficientes e respectuosas co medio ambiente

— Román Rodríguez destaca a gran actividade en obras este verán e sinala que o seu departamento traballa intensamente nos preparativos do novo curso

— Explica que os colexios e institutos galegos contarán con máis profesorado e máis aulas o vindeiro curso a pesares de perder case 2000 alumnos

— A Xunta investiu máis de 950.000€ nos últimos anos no IES A Xunqueira I, un orzamento que se suma ao millón de euros destinado á instalación de biomasa

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visitou hoxe o Instituto IES A Xunqueira I de Pontevedra, onde comprobou o resultado das obras de rehabilitación integral deste centro. Tal e como sinalou, a esta actuación sumarase unha instalación fotovoltaica de autoconsumo. A este respecto, Román Rodríguez anunciou que a Xunta de Galicia vén de licitar a instalación de placas solares en 61 centros en toda Galicia, para o que investirá un total de 1,7M€.
“Con elas prevemos un aforro medio do 30% do consumo, cifra que variará en función do gasto enerxético de cada un. De feito, neste centro a redución podería ser incluso algo superior”, indicou. Desta maneira, lembrou, “avanzamos nun dos obxectivos principais do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que é o de acadar uns centros educativos máis eficientes e respectuosos co medio ambiente”. O custo medio de cada instalación fotovoltaica é de 28.000€, importe que varía lixeiramente en función do centro.

A tres semanas do inicio das clase, Román Rodríguez destacou a gran actividade en obras este verán e avanzou que o seu departamento traballa intensamente nos preparativos do vindeiro curso escolar, previsto para o 11 de setembro. En total, a Xunta está a impulsar 444 obras de mellora en 305 centros educativos de Galicia, o que supón 87 actuacións máis que o pasado 2022. O orzamento é de 76,5M€, un 19% máis.
Menos alumnos, máis profesores
Nesta mesma liña, o conselleiro destacou tamén a aposta que o Goberno galego fai por reforzar aulas e profesorado no inicio do novo curso malia ao descenso demográfico. “A partir de setembro teremos 2000 alumnos menos no conxunto do sistema público, especialmente en Infantil e Primaria. Aínda así, os centros educativos contarán con máis unidades e máis profesorado que o curso pasado”, declarou. Uns recursos que, tal e como explicou, se incrementarán aínda máis unha vez se compute a Formación Profesional, unhas ensinanzas que medran cada ano e cuxa matrícula está aínda aberta.

“O mapa educativo é vivo e evoluciona en función das etapas, dos cursos e das áreas xeográficas, polo que cada ano hai que facer unha adecuación ás necesidades de cada centro”, explicou. “Isto fai posible que o ensino galego sexa un sistema de excelencia en moitos parámetros como o investimento por alumnos, os servizos complementarios ou o abandono escolar, entre outros, recoñecidos por informes como o PISA. Ademais, contamos cun rateo alumno/profesor do 9,8 fronte á media estatal de 11,4”, afirmou.

Máis de 9,7M€ na cidade do Lérez
No referido á rehabilitación integral do IES A Xunqueira I, o conselleiro sinalou que consolida un investimento superior aos 950.000€ nos últimos anos en obras de mellora neste centro. A isto hai que sumar a instalación dunha central de biomasa que dá servizo a todos os centros da Xunqueira e que supuxo un investimento de 1M€.

Cun importe superior aos 735.000€, a rehabilitación integral deste instituto incluíu o illamento do centro con sistema SATE, a mellora de elementos construtivos como os falsos teitos ou a renovación do revestimento interior do centro, a instalación dun ascensor ou a reforma dos aseos da planta de acceso, entre outras actuacións.
A intervención enmárcase no investimento de máis de 9,7M€ en centros educativos na cidade de Pontevedra este verán en materia de obras. Todas elas forman parte do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que a Xunta está a modernizar as instalacións educativas facendo fincapé en cuestións como a mellora da eficiencia enerxética, nas que este tipo de instalacións fotovoltaicas supoñen un salto de calidade.